Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

Instrucións para lavarmos as mans

Actividade sobre o imperativo

Nestes tempos de coronavirus xa todos sabemos da importancia vital deste pequeno xesto. Lavarmos as mans, unha acción cotiá que todos realizabamos sen pensar moito, tornouse agora nun xesto fundamental para frearmos o espallamento do virus. De aí a importancia de que todos aprendamos a técnica para facelo do xeito correcto. Para axudarnos nesta tarefa, axiña xurdiron na rede moitas iniciativas. Unha delas é este xerador de cartaces:

Wash your lyrics

Trátase dunha ferramenta creada por un deseñador e programador inglés chamado William que permite xerarmos automaticamente pósters ou cartaces coas instrucións para lavarmos as mans a partir da nosa canción preferida.

O xerador de cartaces presenta dúas opcións:

  1. Xerarmos un cartaz a partir da canción do artista que quixermos. Neste caso, teremos que premer enriba da pestana song (canción) e completarmos os campos:

Tamén podemos escoller entre usarmos soup (xabón) ou gel (xel) para lavarmos as mans e o skin tone (o ton de pel) que terán as mans que van aparecer no noso cartaz.

  1. Xerarmos un póster a partir dun texto que nós lle deamos. Para isto, teremos que premer sobre a pestana custom e escribilo dentro do cadro. Isto último foi o que fixen eu, velaquí o resultado:

    imaxe


Tarefas:

  1. Localiza todos os verbos no imperativo que hai no cartaz anterior.
Verifica as respostas
  1. Molla
  2. Aplica
  3. Enxaboa
  4. Entrelaza / fricciona
  5. Fricciona
  6. Frega
  7. Frega / repite
  8. Fricciona / fai
  9. Frega
  10. Enxauga
  11. Fecha
  12. Seca
  1. Usa o xerador para creares ti un cartaz para unha residencia de anciáns. Tes que ter en conta que na Galiza o habitual é usarmos as formas de respecto (vostede ou vostedes) para tratar as persoas dunha certa idade, xa que logo, fai as adaptacións necesarias nos textos.

A canción "Ghen Cô Vy"

Outra iniciativa para convencer as persoas da importancia de lavaren as mans é esta canción lanzada polo Ministerio de Sanidade do Vietnam:

En Disquecool publicaron un artigo moi interesante sobre esta campaña de concienciación que podes ler premendo nesta ligazón:

A eurovisiva canción coa que Vietnam lembra lavar as mans contra o coronavirus