Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

Verbos tipo sentir

Os verbos como sentir presentan unha variación tripla no vocalismo da raíz (sent-):

Lémbrate!

Os tempos con irregularidades son unicamente tres:

Presente do indicativo

Presente do subxuntivo

Imperativo

O mesmo paradigma é o dos verbos ferir, mentir, servir, seguir e dos seus derivados e compostos: malferir; desmentir; asentir, consentir, resentir; conseguir, perseguir e proseguir.

Repara!

Conferir, inferir etc. non son derivados de ferir.

Exercicios

Completa os espazos cos verbos no presente do indicativo:

  1. A escola pública serve (servir) para formar cidadáns críticos.
  2. Os cazadores e os pescadores menten (mentir) con frecuencia sobre as súas proezas.
  3. Un alumno mata un profesor e fere (ferir) outras cinco persoas nos Estados Unidos de América.
  4. 77 % das persoas non consegue (conseguir) identificar o antibiótico que toma.
  5. O goberno francés prosegue (proseguir) os seus esforzos diplomáticos para tentar evitar a execución do preso.
  6. Todas as persoas perseguen (perseguir) a felicidade.
  7. O mercado europeo é un dos que máis se resente (resentir) coa persecución política aos diésel.
  8. As forzas políticas que apoian, consenten (consentir) e toleran esta decisión son cómplices e responsábeis perante o pobo.
  9. Sirvo (servir) unha media de 500 comidas diarias e funciona todo ás mil marabillas. (Eu)
  10. Case todas as persoas menten (mentir) no currículo.
  11. O xogador dixo que xa se sente (sentir) mellor.

Verifica as respostas

Presta atención!

Primeiro

Aínda que a vogal temática da maioría das formas do presente do indicativo é -e-: sentes, sente, sentimos, sentides, senten, a primeira persoa é sinto, con -i-. É certo que o erro máis habitual, e o que debes evitar, é dicir *sintes, *sinte e *sinten, mais tamén hai falantes aos que o contacto coas formas correctas do estándar os leva a pensar que a P1 segue o mesmo padrón de conxugación. Isto é o que explica, por exemplo, que os Verto anden a cantar este refrán:

Xa non podo deixar de pensar
en como o mundo non para
e eu *sego igual.

Cantas saudades temos de Verto! Tiña que ser dito e foi dito!

Segundo

A vogal temática tamén é -i- en todas as formas do presente do subxuntivo (sinta, sintas, sinta, sintamos, sintades, sintan) e na segunda persoa do singular do imperativo (sinte).

As persoas que din senta, sentas... moi probabelmente están a cometer un erro por ultracorrección. Saben que as formas correctas son sente, sentes... e adecúan as formas do subxuntivo a ese modelo. O problema é que a conxugación deste tipo de verbos non é completamente regular, como acabas de ver, hai excepcións.

E non fica por aquí a cousa, porque os verbos tipo sentir causan tamén algunha dor de cabeza aos galegos á hora de falaren portugués. A razón neste caso é a P2 do imperativo, que en portugués é sente e non sinte. Lémbrate disto a próxima vez que vaias a Portugal.

Exercicio

Completa os espazos cos verbos no presente do subxuntivo ou no imperativo:

  1. É Nadal, mais non se sinta (sentir) obrigado a estar feliz (vostede).
  2. O presidente do Consello di que non hai garantías de que a Unión Europea consiga (conseguir) evitar a saída británica.
  3. Se for mentira, desmintan (desmentir) (vostedes).
  4. Estar en forma sen saír da casa? Siga (seguir) estas 8 canles de Youtube (vostede).
  5. O presidente aprobou unha lei que permite aplicar a pena de morte a calquera individuo que mutile, fira (ferir) ou mate outra persoa.
  6. Non me mintas (mentir), por favor, o xefe de estudos contoumo todo. (ti)
  7. A relación sexual cun menor é sempre un delito contra el, aínda que consinta (consentir).
  8. Os estados da UE preparan sancións contra Turquía, caso prosiga (proseguir) cos seus plans de explotación de gas e petróleo.
  9. Os médicos loitan por un servizo de saúde que sirva (servir) os intereses dos doentes.
  10. Se me quixer perseguir, que me persiga (perseguir).
  11. Se ves mensaxes de erro utilizando os nosos programas, sigue (seguir) as instrucións.

Verifica as respostas