Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

Verbos tipo consumir

Presta atención ás dúas formas do verbo consumir: consomes e consume que aparecen neste anuncio do Clúster do Audiovisual Galego:

Consumir é un deses verbos con alternancia vocálica. Pertence ao grupo dos verbos en -u... ir, que presenta unha alternancia tradicional u/o: [ɔ] nas persoas 2ª e 3ª do singular e 3ª do plural do presente do indicativo, [u] no resto do paradigma (consumía, consumiches, consumira, consumiremos, consumiriades, consuma, consumises, consumirmos, consume, consumir, consumido, consumindo).

Lémbrate!

Todas as formas do verbo teñen u, agás 3 do presente do indicativo:

Conforme este modelo, conxúganse tamén os seguintes verbos: acudir, bulir (e rebulir), cubrir e derivados (descubrir, encubrir, recubrir), cumprir “ser mester”, cuspir, durmir, engulir, fundir “render”, fuxir, lucir e derivados (deslucir, entrelucir, relucir, translucir, tremelucir), mulir, muxir, pulir, ruxir, sacudir, subir, sufrir, sumir (e os seus derivados consumir e ensumir), tusir, ulir, urdir, xunguir, xurdir.

Exercicio

Completa os espazos cos verbos no presente do indicativo:

  1. O Servizo Galego de Saúde non cobre (cubrir) as limpezas dentais.
  2. As comunidades negra e indíxena sofren (sufrir) discriminación no Brasil actual.
  3. O ferro eléctrico é un dos aparellos domésticos que máis enerxía consome (consumir).
  4. Eu tuso (tusir) porque estou con catarro.
  5. Por que os xogadores de fútbol cospen (cuspir) tanto?
  6. Din que Nova York é a cidade que nunca dorme (durmir).
  7. Moitas persoas engolen (engulir) a comida sen mastigar.
  8. El sobe (subir) sempre polas escaleiras porque vive no primeiro andar.
  9. Cómpre (cumprir) facermos o traballo hoxe.
  10. Podo gritar o que quixer, que ninguén acode (acudir).
  11. A Historia xorde (xurdir) da necesidade dos homes de explicaren as súas orixes.

Verifica as respostas

Agora que sabes isto, non cometas erros por ultracorrección!

Como a forma da P2 do presente do indicativo é consomes, moitas persoas cren que a segunda vogal da raíz da P2 do imperativo tamén é un o. Non é! As formas do imperativo teñen un u:

Para esclareceres calquera dúbida, fai o seguinte exercicio.

Exercicio

Completa os espazos coa P2 dos verbos no presente do indicativo ou no imperativo:

  1. Sube (subir) ao segundo andar e espérame no meu gabinete.
  2. O médico díxoche que consomes (consumir) demasiados alimentos ultraprocesados.
  3. Durme (durmir) dunha vez, que mañá tes que madrugar.
  4. Se ouvires un berro, acude (acudir).
  5. Sobes (subir) comigo no ascensor? (Ti)
  6. Ti non dormes (durmir) por causa do estrés.
  7. Visita Galicia e descubre (descubrir) os seus segredos.
  8. Que tarde é! Bule (bulir), imos chegar atrasados.
  9. Ti sofres (sufrir) porque queres. Se eu fose ti, deixaba o traballo.
  10. Coida da túa saúde, consume (consumir) produtos ecolóxicos.
  11. Ti non boles (bulir) nada planando patacas.

Verifica as respostas