Alugar ou non alugar
Vocabulario básico para non teres máis dúbidas
1. Alugar ~ arrendar
Alugar ou arrendar é usar ou ceder o uso dunha propiedade (ben móbel ou inmóbel) durante un tempo determinado por diñeiro.
Este verbo é conxugado tanto polo dono da propiedade como polo inquilino.
Exs.:
- [O dono] > Alugoulles/Arrendoulles o apartamento a uns estudantes de Vigo.
- [O inquilino] > Aluguei/Arrendei unha casa na praia para pasar o verán.
2. Bens móbeis vs. bens inmóbeis
O que se aluga son bens móbeis ou inmóbeis. Chamamos bens móbeis aos que se poden transportar, e bens inmóbeis, ao fixos, quer por natureza, quer por disposición da lei.
Exs.:
- O consumidor pasará a ter máis dereitos sobre os bens móbeis, como electrodomésticos ou equipamentos dixitais, coa nova lei.
- Existen actualmente un total de 143 bens inmóbeis clasificados como patrimonio cultural na rexión.
- A Xunta ofrece incentivos a propietarios de vivendas baleiras para conseguir que se aluguen entre 250 e 300 inmóbeis.
3. Renda ~ alugueiro
A cantidade que se paga periodicamente polo uso durante un tempo dunha propiedade recibe o nome de renda ou alugueiro.
Exs.:
- O valor exixido en rendas anticipadas e fianzas imposibilita que moitas persoas poidan acceder ao arrendamento.
- Non podo pagar un alugueiro de 700 euros co meu salario.
4. Arrendamento ~ alugamento ~ locación ~ alugueiro
Arrendamento e alugamento son os substantivos derivados de arrendar e de alugar, respectivamente. Outros sinónimos para arrendamento e alugamento son locación e alugueiro.
Exs.:
- A construción nova destinada ao arrendamento accesíbel terá unha taxa de IVE menor.
- España aproba unha lei da vivenda para tentar controlar os prezos do alugamento.
- O exame dalgúns contratos de locación demostrou que os custos soportados polo erario público eran demasiado elevados.
- Posúe unha empresa de alugueiro de automóbiles.
5. Inquilino ~ arrendatario ~ locatario ~ alugueiro ~ rendeiro
A persoas que alugan poden ser chamadas de todas estas formas: inquilinos, arrendatarios, locatarios, alugueiros ou rendeiros.
Exs.:
- Os inquilinos que sexan desafiuzados van pasar a ter un prazo de 30 días para deixaren as vivendas.
- Os Servizos Xurídicos concluíron que o arrendatario do apartamento goza do dereito de preferencia na adquisición do inmóbel.
- A relación entre arrendatarios e propietarios implica dereitos e obrigas.
- No caso dunha devolución da fianza ao locatario, o locador deberá emitir un documento comprobativo.
- Os propietarios que presionen os alugueiros para veren o inmóbel desocupado poden ser punidos.
- A crise obriga os propietarios a baixar os prezos das rendas comerciais aos rendeiros.
6. Arrendador ~ alugador ~ locador ~ rendeiro
A persoa ou a entidade que cede unha propiedade en réxime de arrendamento é o arrendador, o alugador, o locador ou o rendeiro. Tamén podemos chamalo dono ou propietario, mais nunca caseiro.
Un caseiro, no noso país, non é un propietario. Os caseiros eran as persoas que traballaban mediante arrendamento as terras dun amo ou que coidaban dos bens dunha persoa ausente. Trataríase entón dun tipo de arrendatario.
Exs.:
- Os inquilinos con máis de 65 anos e que vivan hai máis de 25 anos na mesma casa arrendada non van poder ser desaloxados polos arrendadores.
- Caso o alugador decida vender a casa, os arrendatarios teñen prioridade na compra.
- Esta modalidade de seguro cobre até tres mil euros de danos causados, a perda de rendas e a responsabilidade civil do propietario ou do locador.
- O arrendamento de cuartos non promove a substitución da poboación local, a xentrificación e a descaracterización dos barrios, porque o inmóbel continúa a ser residencia do locador.
- Un rendeiro na Alemaña pediu unha indemnización por o inquilino lle ter manchado o chan do baño con pingas de urina.
Repara
A palabra alugueiro ten até tres significados diferentes:
- Renda > Ex.: Os alugueiros na Coruña volveron a aumentar, con todo, a un ritmo máis lento.
- Arrendamento > Ex.: O goberno creou un grupo de traballo para analizar formas de regular o mercado de alugueiro.
- Inquilino > Ex.: O concello de Barcelona multa un propietario por cobrar unha renda demasiado elevada aos seus alugueiros. [Con este significado case non se usa]
A miña recomendación, por tanto, é que non teñas medo de usar renda, arrendamento ou inquilino. Son palabras galeguísimas e evitarás confusións.