Safari para avistarmos infinitivos flexionados
Contexto de uso (3): o infinitivo persoal despois de preposicións e de certas locucións
Se eu tiver éxito, de hoxe en diante, sempre que te deparares cunha preposición ou con certas locucións prepositivas, o teu corpo activará un sinal de alarma para alertar o cerebro coa seguinte mensaxe:
Atención!
Acabas de entrar no hábitat natural do infinitivo persoal.
Se quixeres ver un exemplar, avanza.
O infinitivo flexionado encóntrase atrás da preposición (ou da locución prepositiva).
Como nos nosos días non é así tan fácil avistarmos infinitivos flexionados, propóñoche que comeces por facer un pequeno safari por algunhas das frases en que habita esta criatura tan esquiva:
Preposicións
A
- Ao vendermos directamente o noso produto, evitamos todos os intermediarios.
- Non quero que te magoes ao faceres iso.
Após
- A orde de envío será dada, só após recibirmos a confirmación de pagamento do banco.
- Onte recibimos algunhas chamadas de pais moi preocupados, após leren a noticia no xornal.
Até
- Até chegaren eles, non podemos comezar.
- Até faceres dezaoito anos non podes conducir un coche.
De
- Chegou a hora de actuarmos.
- Hai varias maneiras de faceres iso.
Para
- Para facermos filloas, necesitamos auga, fariña, ovos, touciño e sal.
- Foron ao centro comercial para compraren a roupa para a festa.
Por
- Houbo unha confusión por estarmos no compartimento errado.
- Algunhas persoas sufriron moito por estaren lonxe das familias.
Sen
- Todos fixeron o que ordenou sen faceren preguntas.
- Moitas veces podemos influenciar outras persoas sen o sabermos.
Locucións prepositivas
No caso de
- No caso de teres dor, toma estes comprimidos cada 8 horas.
- No caso de estaren interesados, podo darlles máis información.
Antes de
- Antes de facerdes nada, analizade ben todas as vantaxes e inconvenientes.
- Espera polo menos unha hora antes de comeres ou beberes.
Despois de
- Despois de ordenardes o cuarto, limpade o baño.
- Despois de beberes un pouco, vas sentirte mellor.
A pesar de
- A pesar de estaren con sono, non conseguiron durmir.
- A pesar de teres unha vida boa, non estás satisfeito.
Alén de
- Alén de seres intelixente, tamén es divertido.
- Alén de teren versións gratuítas e de pagamento, as dúas aplicacións ofrecen funcionalidades similares.
En vez de
- En vez de facermos acusacións, debiamos tentar encontrar solucións.
- En vez de comeres arroz, comes patacas.
Agora que tiveches a oportunidade de ver o infinitivo persoal no seu medio natural, tenta flexionalo ti sempre que tiveres a ocasión. Desta forma, estarás a contribuír para a revitalización desta valiosa especie!
Non te esquezas de que neste proceso de repoboamento persoal obterás mellores resultados e máis rápido, se aumentares o teu contacto con producións orais e escritas en portugués. Enxergar un infinitivo flexionado pode representar un desafío aquí, mais non nese ecosistema.