Recursos de galego para secundaria

Rudi Fociños

Temos un cocho na casa. Non me refiro con isto á miña irmá pequena, senón a un verdadeiro cocho que responde polo nome de Rudi Fociños. Que como conseguimos o porco? Esa é unha longa historia.

Un domingo, hai dous anos, saímos todos nós da cidade. Todos nós quere dicir a miña nai, o meu pai, a miña irmá Betti, que é só un ano máis nova ca min, e Zuppi, a miña irmá pequena. Viaxamos no coche polas pradeiras de Lüneburguer e despois tivemos que facer iso que aos nenos non nos fai ningunha graza, camiñar.

Foi horrible. Arrastrabamos os pés durante todo o camiño, e pai e nai dicían de tempo en tempo: «Mirade iso, que fermoso!» E cada vez que dicían iso paraban e sinalaban algún outeiro ou algunha árbore. Agardaban que quedaramos pasmados. Pero, que se pode dicir dun outeiro? E como cando sucedía iso nós diciamos que queriamos unha limonada, pouco a pouco mamá foise enfadando e dixo que primeiro tiñamos que camiñar. Doíannos as pernas e Zuppi choromicaba dicindo que xa non podía dar un paso máis. Entón, papá subiuna sobre dos seus ombros e camiñou con dificultade polos poirentos camiños. Suaba e xa non falaba da beleza da paisaxe.

Finalmente chegamos a Hörpel, que era unha pequena aldea. Na pousada estaban facendo unha festa. O corpo de bombeiros da aldea celebraba o seu patrón. Baixo os castiñeiros sentaba a xente. Ante longas mesas de madeira, bebían cervexa e comían salchichas asadas. Nunha tarima tocaba unha banda de música. Por fin, conseguimos sentarnos e recibimos a nosa limonada.

Nun determinado momento a banda deixou de tocar e un home con uniforme de bombeiro dirixiuse ao micrófono e dixo:

—Agora comeza a nosa tómbola. Con cada rifa que merquen axudan a que poidamos adquirir unha nova mangueira de gran presión. Hai moitos premios pequenos e un primeiro premio abraiante.

Entón achegouse á nosa mesa un home cun pequeno balde na man. Dentro del estaban as rifas. Cada un de nós tiña permiso para mercar unha. A miña non tiña premio. Betti recibiu un de consolación, unha bandeirola para a bicicleta coa inscrición Corpo de Bombeiros Voluntarios de Hörpel. Zuppi tiña un número vermello.

Cando todos os números estiveron vendidos, dirixiuse co seu á tarima. O bombeiro ollou para o papel e dixo:

—O número 33! Aquí está a gañadora do primeiro premio. Cantos anos tes?

—Seis.

—Xa vas á escola?

—Non. Hai só dúas semanas que fixen os seis.

—Sabes o que gañaches?

—Non.

—Un cocho. Acabas de gañar un cocho pequeniño.

Entón, o home sacou un bacoriño dunha caixa e púxollo a Zuppi nos brazos. A xente murmuraba e ría. Zuppi, entre as gargalladas do público, arrastrou o leitón á nosa mesa e sentoullo á mamá no colo. Era un animal san e rosado, cun gran fociño, ollos pequenos e intelixentes, e grandes e flexibles orellas.

Era realmente adorable e, así e todo, papá puxo mala cara. Cando un campesiño que estaba sentado na nosa mesa nos felicitou por gañarmos o primeiro premio, papá riu amargamente. Teño que dicir que a papá non lle gustan os animais domésticos. Sempre di que non deben estar nas casas. E agora mamá tiña o leitón no colo e acariciáballe unha das orellas.

—Que bonitiño, verdade? —dixo Zuppi moi contenta—, ollade o seu pequeno rabo enrolado.

Papá quitou a cachimba da boca.

—Adorable —dixo— mais cando nos vaiamos, devolverás o animal.

—Non —berrou Zuppi—, gañeino. É meu.

—Non podemos levar o animal.

Entón Zuppi comezou a chorar e, cando quere facelo, chora os sete chorares. Os das outras mesas mirábannos. Por que choraba a pequena, agora que gañara un cocho da sorte?

Papá, que xa alongara a man para deixar o leitón no chan, retirouna de novo. A xente mirábao desde as outras mesas como se tivese tentado maltratar o bacoriño.

—Ben, ben —dixo papá—, queda co bicho de momento.

Texto adaptado da obra O cocho de carreiras Rudi Fuciños do escritor alemán Uwe Timm.

Test de comprensión lectora

Selecciona a resposta correcta para cada unha das preguntas:


1. Cantos membros forman parte da familia desta historia?




2. Quen nos conta a historia?




3. Como foi a excursión familiar polas pradeiras de Lüneburguer antes de chegar a Hörpel?




4. Por que organizaba o Corpo de Bombeiros unha tómbola?




5. Como era o porquiño que se sorteaba?




6. O pai de Zuppi alegrouse cando lle tocou o porco á súa filla?




7. Que significa a frase que aparece no texto «chorar os sete chorares»?




8. O que é unha cachimba?




9. O pai acepta que Zuppi quede co cocho...




10. Só unha das seguintes afirmacións é correcta. Indica cal: