Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

Riquiños, si, mais sen exaxerar

10 palabras que non acaban en -iño nin en -iña.

A pesar de seren moitas as campañas publicitarias que contribuíron a espallar a idea de os galegos e as galegas seren persoas meigas que están o día todo a dicir graciñas, sentidiño, ruliña... non é ben así. Para o probar, traio aquí esta lista de palabras que, ao contrario do que acontece en español, non se usan no diminutivo en galego.

1. Banquillo > o banco

Nin na xustiza nin nos deportes hai *banquillos ou *banquiños. Nos dous casos a única forma correcta na nosa lingua é banco. No primeiro sentan os reos ou os acusados que están a ser xulgados na sala dun tribunal. No segundo, os suplentes á espera de entraren en substitución dalgún dos xogadores titulares.

2. Bolsillo > o bolso ou o peto

En castelán estes saquiños de pano, cosidos na parte interna ou externa da roupa, reciben o nome de bolsillos por seren pequenos. En galego, tanto ten o tamaño e chamámolos simplemente bolsos ou petos.

3. Calzoncillo > o calzón

A peza de roupa interior masculina que cobre a pelve e parte das nádegas, con dúas aberturas para as pernas, é o calzón. Non usamos, por tanto, o diminutivo.

4. Casilla > a casa

Os cadros pintados nos taboleiros de certos xogos de mesa (xadrez, damas...) e tamén os espazos delimitados por liñas en táboas, formularios, cuestionarios e outros impresos non son *casillas nin tampouco *casiñas, o seu nome é casas.

Finalmente, aínda que os galegos non podemos "sacar a nadie de sus casillas", somos tan rabudos como calquera e si podemos esgotar a paciencia das persoas e até facer perder a paciencia a un santo.

5. Cigarrillo, pitillo > o cigarro, pito

Tampouco utilizamos o diminutivo para falarmos do tabaco enrolado. Os de toda a vida chámanse cigarros (ou pitos, se falarmos coloquialmente) e os modernos, cigarros electrónicos, mais en ningún caso *cigarrillos ou *pitillos.

6. Cursillo > o curso

Unha formación de curta duración é un curso. Con todo, se o curso for de carácter práctico, é máis apropiado usarmos o termo obradoiro.

7. Lentillas > as lentes de contacto

A pequena lente de material brando que se coloca directamente sobre o ollo para corrixir defectos da visión é unha lente de contacto. Atención ao xénero, lente é unha palabra feminina.

8. Mascarilla > a máscara

O obxecto, usado polo persoal médico sobre o rostro, en especial sobre o nariz e a boca, para filtrar o ar ou como barreira protectora é unha máscara cirúrxica. Tamén son máscaras as que usan os pacientes que precisan de oxíxeno, as que utilizamos para a práctica do mergullo e aínda esas atrás das que ocultamos a nosa identidade no Entroido.

Por último, tampouco teñen -iña nin -illa ningún dos produtos ou preparados que aplicamos no cabelo, na cara ou nas pestanas con fins cosméticos. Se quixermos ser máis concretos, só temos de especificar o tipo: máscara para o cabelo, máscara para o rostro, máscara de pestanas.

9. Mesilla/mesita de noche > a mesa de cabeceira

O pequeno móbel, xunto á cabeceira da cama, onde se colocan os obxectos que se poden precisar principalmente durante a noite é unha mesa de cabeceira, nunca unha *mesilla nin tampouco unha *mesiña.

10. Papilla > a papa ou as papas

O que comen os bebés, por non teren dentes, é a papa ou as papas, no plural. Normalmente comercialízanse en potiños. As papas tamén se teñen tornado unha alternativa saudábel para moitos adultos nos últimos tempos. Este é o caso de todos aqueles que decidiron trocar os bolos industriais polo porridge ou as papas de avea, o almorzo tradicional escocés que está a ser promovido por moitos health and wellness influencers nas súas redes sociais.