Plurilingüismo
Son moi poucos os países monolingües, na Europa temos o caso de Islandia, mais o habitual na maioría dos lugares é que coexistan varias linguas:
España é un país plurilingüe en que conviven sete linguas: castelán, galego, asturleonés, éuscaro, aragonés, catalán e aranés.
Canda o castelán, que é a lingua oficial en todo o estado, teñen o estatuto de cooficiais nos seus respectivos territorios o galego, o éuscaro, o catalán, o aranés.
Na Suíza as linguas oficiais son catro: o francés, o alemán, o italiano e o romanche.
Na Bélxica teñen tres linguas oficiais: o neerlandés, o francés e o alemán.
En Portugal hai dúas linguas oficiais: o portugués e o mirandés, que é unha variedade do asturleonés.
Na Finlandia son dúas as linguas oficiais: o finés e o sueco.
Na Guinea Ecuatorial teñen tres linguas oficiais: español, francés e portugués.
Para a comunicación non hai linguas mellores do que outras, que unha lingua sexa oficial é simplemente unha decisión política. Sabiades que desde hai tempo existe un movemento que reivindica a oficialidade da lingua asturiana (variedade falada en Asturias do asturleonés). O que pensas dos motivos que dá o músico Rodrigo Cuevas para defender Yá yá yá! Oficilidá!?
Este artista viviu varios anos na Galiza e ten colaborado con músicos galegos como Baiuca, co que gravou Veleno:
Lingua minoritaria e lingua maioritaria
Cando nun territorio conviven varias linguas, chamamos lingua minoritaria á que ten un menor número de falantes e lingua maioritaria á que ten o maior número de falantes.
Unha lingua pode ser minoritaria nun territorio e maioritaria noutro. O alemán, por exemplo, que é a lingua maioritaria na Alemaña, na Bélxica, onde é falado por menos de 1% da poboación, é unha lingua minoritaria.
Lingua hexemónica ou dominante e lingua minorizada
Lingua hexemónica ou dominante é a lingua que se encontra nunha posición de vantaxe con respecto á outra coa que convive nun territorio. Esta outra lingua que se encontra en desvantaxe recibe o nome de minorizada.
En que situación se encontra o galego?
"Na actualidade usa o galego sempre ou máis galego que castelán o 52,3% da poboación..." dato extraído do artigo de Miguel Prado para Praza: O galego resiste como lingua maioritaria da metade da poboación
Hai xa algún tempo, encontrei en Tiktok este vídeo que unha moza valenciana fixera para responder esta pregunta: Fóra de Valencia onde che serve a túa lingua?
É unha pregunta que nos fan con bastante frecuencia aos que falamos unha lingua supostamente minoritaria. O caso é que ela creou unha coreografía para explicar todos os lugares onde lle resulta útil a súa lingua. Son estes:
- País valenciano
- Cataluña norte (sur de Francia)
- Andorra
- Illas Baleares
- Faixa de Aragón
- Alguer (Sardeña)
Despois de ver o vídeo fun consultar na Galipedia información sobre o catalán e aí depareime con esta afirmación:
"O catalán é a lingua habitual duns 4,4 millóns de persoas; ademais, son capaces de falalo uns 7,7 millóns e é comprendido por preto de 10,5 millóns de persoas"
Con estes datos na man xa non parece unha lingua minoritaria, sobre todo se os comparamos con outras linguas menos cuestionadas:
O dinamarqués, a lingua oficial da Dinamarca, é falado por 5,5 millóns de persoas
O islandés, a lingua oficial da Islandia, é falado só por 300.000 persoas.
Ao fío deste tema, aproveito para traer aquí o single en catalán de Rosalía:
Xa o coñeciades?
Volvendo a Galiza, a artista Guadi Galego publicou en 2019 o seu disco Immersion en castelán, galego, asturiano, éuscaro, catalán, portugués e occitano-aranés, sete das nove linguas peninsulares. Por este traballo recibiu o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español
O disco pódese escoitar clicando aquí: Immersion. No caso de que non poidades escoitalo porque non tedes conta nesta plataforma, deixo a seguir unha outra alternativa: o vídeo de Cedeira, o primeiro tema do seu álbum O mundo está parado, que está dispoñíbel en Youtube. Trátase dunha canción en que lle rende homenaxe á súa vila. Ela é de Cedeira e canta con Iván Ferreiro.
Para os que non coñecedes a Guadi, déixovos aínda unha música máis dela: Chea de vida
O vídeo corresponde a unha iniciativa que tivo lugar en Ferrol e que consistiu en reunir a mil nenos para interpretaren a canción canda ela. É unha canción moi positiva e optimista, dúas cousas que fan boa falta nestes tempos.