Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

Sabemos falar de economía?

Glosario con algúns dos termos máis utilizados nas relacións económicas

Al por mayor (es) > En groso, por xunto (gl)

A compra ou a venda de mercadorías en cantidades grandes recibe o nome de compra en groso ou de venda en groso.

Al por menor (es) > a retallo, polo miúdo (gl)

O comercio a retallo é o comercio de mercadorías en cantidades pequenas.

Bursátil (es) > bolsista (gl)

Bolsista é o adxectivo que debemos usar en galego para falarmos de todo o relativo á bolsa de valores ou aos movementos comerciais nela realizados.

Bolsista tamén pode ser un substantivo. Neste caso, un ou unha bolsista é o profesional que traballa na bolsa.

Contable (es) > contador ou contábel (gl)

Para referirnos á persoa que trata das contas podemos usar calquera destas dúas formas.

Corredor (es) > corretor (gl)

Un corretor é a persoa que actúa como intermediaria nunha operación comercial. Os corretores de bolsa, de comercio ou os de seguros dedícanse, por tanto, á corretoría. Corretoría tamén é o nome do local onde desenvolven o seu traballo.

Por último, a corretaxe é a comisión que cobra un corretor como remuneración polos seus servizos.

Coste (es) > custo (gl)

O custo é o diñeiro que se paga por unha cousa, porque todo ten un prezo.

Por favor, non confundas os custos coas custas, quere dicir, cos gastos dun proceso xudicial.

Deuda (es) > débeda (gl)

A débeda é a cantidade de diñeiro que se debe.

Ao contraermos débedas, estamos a endebedarnos, claro.

Devaluar (es) > desvalorizar(se) ou depreciar(se) (gl)

Desvalorizar ou depreciar é diminuír o valor a algunha cousa. As cousas tamén poden perder valor, nese caso, desvalorízanse ou deprécianse.

Desvalorización e depreciación son os substantivos correspondentes.

Financiación (es) > financiamento (gl)

O financiamento é o conxunto de recursos monetarios que se destinan a unha determinada actividade ou proxecto económico.

Fondos buitre (es) > fondos voitre (gl)

Os fondos voitre son fondos de investimento cunha alta liquidez que aproveitan os momentos de debilidade económica, dunha entidade ou dun estado, para mercaren a súa débeda e negociaren con ela despois.

Interés (es) > xuro (gl)

O xuro é o rendemento proveniente de diñeiro emprestado.

A cantidade de diñeiro, expresada normalmente en porcentaxe anual, que produce un capital emprestado denomínase tipo de xuro ou taxa de xuro.

IVA (es) > IVE (gl)

A sigla provén da frase imposto sobre o valor engadido. En portugués, curiosamente, coincide co español por ser o IVA o imposto sobre o valor acrescentado.

Inversión (es) > investimento (gl)

Un investimento é calquera gasto ou aplicación de recursos que produza un retorno no futuro.

O verbo é investir e os que invisten son investidores ou investidoras.

Mayorista (es) > grosista (gl)

Grosistas son as persoas que compran ou venden grandes cantidades de mercadorías.

Pode haber comerciantes grosistas, distribuidores grosistas e tamén mercados grosistas.

Mercader (es) > mercador (gl)

Un mercador é a persoa que comercia con mercadorías.

Minorista (es) > retallista (gl)

Os que se dedican á venda en pequena escala son os comerciantes retallistas.

Rentabilidad (es) > rendibilidade (gl)

A rendibilidade é a capacidade de producir rendementos.

O verbo é render e o adxectivo, rendíbel.

Pagaré (es) > nota promisoria (gl)

Unha nota promisoria é o documento en que unha persoa física ou xurídica se compromete a pagar unha certa cantidade nun tempo determinado.

Prestar (es) > emprestar (gl)

Emprestar é confiar algunha cousa temporariamente a alguén.

A cantidade de diñeiro ou a cousa que se empresta é o empréstito.

Presupuesto (es) > orzamento (gl)

O orzamento é a previsión de gastos dun particular, unha familia, unha empresa ou outra organización. Tamén é o custo estimado de algo.

O verbo é orzar e tamén son moi usadas as expresións pedir un orzamento e facer un orzamento.

Pyme (es) > peme (gl)

Unha peme é unha empresa que non supera un determinado número de empregados ou un volume de negocio anual que varía segundo a lexislación dos distintos países.

Quiebra (es) > quebra (gl)

A quebra é a situación dunha empresa ou entidade que, por non ter capacidade de pagar as débedas e de cumprir as obrigacións contraídas, deixa de ser viábel economicamente.

Quita (es) > quitación (gl)

Unha quitación é a remisión dunha débeda ou parte dela por parte do acredor.