Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

Os monosílabos en galego non se acentúan

Ou si?

Non se acentúan, non. Segundo as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (NOMIG, 2003) as palabras monosílabas non se acentúan en galego.

Con todo, hai unha excepción. Algunhas palabras dunha única sílaba si teñen acento gráfico para as diferenciarmos doutras que se escriben igual, mais teñen un significado diferente.

Trátase dun acento especial, que non responde a regra ningunha. Usámolo simplemente para distinguir palabras. E como é un acento un pouco especial, tamén ten un nome especial: acento diacrítico.

Recursos

Preme nesta ligazón para veres as palabras que si teñen acento diacrítico

E clica nas de abaixo para coñeceres algúns monosílabos que nunca se acentúan:

Vídeo do #DígochoEu: Quítalle o acento ao cu!

Vídeo do #DígochoEu: Non digas que si a todo


Exercicio

Os monosílabos das seguintes oracións teñen acento, si ou non?

Coloca o rato en cada unha das casas para leres a definición e escribe a palabra que falta. Son todas palabras monosílabas.

  1. Marcou un gol no último minuto do partido.
  2. Como o chan estaba húmido, escorregou e caeu de cu.
  3. Uso o mel para adozar o iogur.
  4. Nesta avaliación está a traballar moito máis, teño fe en que vai aprobar.
  5. O teu avó está san coma un buxo.
  6. Imos ao cinema? Imos, si, quero ver o último filme de Steven Spielberg.
  7. Limpo o po unha vez por semana.
  8. El non sabe ren, por favor, non llo contes.
  9. As notas musicais son , re, mi, fa, sol, la, si.
  10. Comprei un gorro de la para o inverno.
  11. As ras viven preto da auga.
  12. Os membros da seita crían que o fin do mundo sería en 2020.
  13. Parabéns! Fixeches un bo traballo.
  14. Nin fuma nin bebe alcol, leva unha vida moi sa.
  15. O son das ondas do mar é moi relaxante.
  16. Os fans da artista hai horas que esperan por ela á porta do hotel.
  17. A sopa está eslamiada, esqueciches o sal?
  18. A miña festa preferida é a de san Xoán.
  19. Mozart naceu cun don para a música.
  20. pode haber dous acompañantes por persoa no cuarto.
  21. Compra pan para o xantar.
  22. Foi a unha praia nudista para poder tomar sol completamente nu.
  23. A miña cor preferida é o azul.
  24. Aquí tes unha pa, ponte a cavar.
  25. Non me respondas nese ton.

Verifica as respostas