Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

As pronuncias do x

[ʃ] vs. [ks]

O x ten en galego dúas pronuncias distintas: como en xeado e como en sexto.

As palabras en que o x se pronuncia como en xeado son normalmente palabras patrimoniais. Chamamos así ás palabras que levan moito tempo entre nós e que como consecuencia de todo ese tempo transcorrido foron experimentando moitas transformacións fonéticas.

Pola contra, as palabras en que o x se pronuncia como en sexto adoitan ser cultismos, isto é, palabras que entraron a formar parte do galego en época máis tardía, por vía culta, e que non sufriron tantas transformacións fonéticas como as patrimoniais.

Esther Estévez explícacho moi ben neste vídeo do Dígocho eu:


Exercicio 1

Clasifica as palabras que aparecen a continuación segundo a pronuncia do x:

  1. Como en xeado:
  2. Como en sexto:
axila oxalá cereixa lonxe peixe exame sexo teixugo complexo laranxa xadrez auxilio perplexo xeonllo hexágono téxtil luxo tóxico cirúrxico sufixo pelexa anxo galaxia lixivia

Se tiveres dúbidas, consulta o Dicionario de pronuncia da lingua galega

Ver as respostas
  1. Como en xeado: oxalá, cereixa, lonxe, peixe, teixugo, laranxa, xadrez, xeonllo, luxo, cirúrxico, pelexa, anxo, lixivia

  2. Como en sexto: axila, exame, sexo, complexo, auxilio, perplexo, hexágono, téxtil, tóxico, sufixo, galaxia