Mallando no ximnasio
8 exercicios moi habituais en calquera rutina de adestramento
1. Quecemento
Calquera práctica deportiva debe comezar sempre por isto. Quecermos os nosos músculos é fundamental para evitarmos posíbeis lesións.
2. Abdominais
Após o quecemento, iniciamos a nosa sesión de adestramento cuns abdominais, e non abdominales. A regra de formación do plural é clara: as palabras agudas de máis de unha sílaba que acaban en -l, substitúen o -l polo -is. Ex.: abdominal > abdominais, semanal > semanais.
3. Agachamentos
Continuamos cunha serie de agachamentos. Sentadillas é o nome en español. Por favor, desconfía sempre das palabras coa terminación -illo/-illa! A maioría das veces trátase de castelanismos: *cigarrillo > cigarro, *bolsillo > peto ou bolso.
4. Agachamentos búlgaros
E máis agachamentos! O agachamento búlgaro é unha modalidade das moitas que existen deste exercicio. Lémbrate de que no caso das palabras compostas por un substantivo e un adxectivo, tes que pór en plural as dúas palabras. Ex.: ourizo cacho > ourizos cachos.
5. Elevacións
O noso seguinte exercicio non son nin as dominadas (en español) nin os pull ups (en inglés), senón as elevacións, con certeza, un dos máis duros de toda esta serie.
6. Flexións
Deixamos a barra e imos agora para o chan para facermos unhas flexións de brazo. Continuamos con outro exercicio exixente, capaz de deixarnos sen folgos antes de chegarmos a 10. E ti cantas consegues facer?
7. Pranchas
Acabamos cunha prancha, o exercicio que consiste en mantermos o corpo en posición horizontal apoiados unicamente nas puntas dos pés e nas palmas das mans ou nos antebrazos.
8. Alongamentos
Para aliviarmos a tensión muscular e relaxarmos o corpo despois da práctica deportiva, finalizamos o noso adestramento alongando ben os músculos.