Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

Queres un consello? Flexiona o infinitivo

Contexto de uso (2): os consellos

Os consellos son outro deses contextos propicios para comezar a flexionar o infinitivo. A razón é que cando damos consellos ou facemos recomendacións acostumamos utilizar oracións impersoais. Neste tipo de oracións, o verbo vai sempre en terceira persoa, mais o infinitivo que vén logo a seguir ten un suxeito diferente. Un consello sempre ten un destinatario, por tanto, hai que flexionar o infinitivo para indicarmos a persoa que debe seguir ese consello, realizar esa acción recomendada.

Esta é a fórmula:

Oración impersoal + infinitivo flexionado

Ex.: É importante respectares os colegas

Neste tipo de contextos o infinitivo persoal dá inmenso xeito. Mais cal é o motivo de non o ouvirmos case nunca? Simple! Preferimos construír a frase doutro modo. Deste:

Oración impersoal + que + presente do subxuntivo

Ex.: É importante que respectes os colegas

E por que facemos isto? Como acontece tantas veces, porque esta é a forma que coincide coa do español. Trátase dun fenómeno moi habitual, as estruturas lingüísticas están continuamente a competir unhas coas outras. O que imos tentar nós é que non sexan sempre as galegas a perderen. Por iso, se me aceptares o consello, flexiona sempre o infinitivo despois de oracións impersoais do tipo:

É bo/óptimo...

Ex.: É bo aprenderes cousas novas (ti)

É preciso/necesario...

Ex.: É necesario mudares radicalmente os teus hábitos de vida (ti)

É importante/crucial/vital/esencial/fundamental...

Ex.: É esencial estabelecermos un horario de estudo realista (nós)

É conveniente/recomendábel...

Ex.: É recomendábel reducires o teu consumo de carne vermella (ti)

Convén/Cómpre (= É conveniente)...

Ex.: Convén levarmos roupa abondo, imos estar fóra dúas semanas (nós)

É mellor/peor...

Ex.: É mellor facermos da outra maneira (nós)

É horríbel...

Ex.: É horríbel acabaren a súa relación así (eles)

Evidentemente, as frases poden ser negativas.

Exs.: