Recursos de galego para secundaria

Novos emojis

Como lles chamamos?

Hai uns días soubemos que o Consorcio Unicode decidiu aumentar a familia de emojis con 157 novos emojis. Unicode é o organismo que está ao cargo de estandarizar todos os caracteres dispoñíbeis nos nosos teclados, entre eles os emojis. Segundo a Emojipedia, con esta actualización imos ter ao noso dispor 2.823 😮

Podes ler a información completa aquí: As novas emoticonas chegan con microbios, placas de Petri e moita ciencia.

Emoticonas e emojis son a mesma cousa?

Aínda que no artigo se emprega emoticona como sinónimo de emoji, o certo é que se trata de cousas diferentes.

O que é unha emoticona?

As emoticonas son as cariñas ou símbolos feitos cos caracteres do teclado tipo: ;-), :-( , ^-^ que se comezaron a usar a principios dos oitenta para expresaren emocións. Hai quen os chame tamén smiley porque esta :-) foi a primeira de todas. Co tempo fixéronse cada vez máis populares e, coa chegada dos foros, os procesadores de texto conseguiron recoñecelas e substituílas por imaxes. O termo emoticona é unha adaptación ao galego do inglés emoticon, resultante de unir emotion “emoción” + icon “icona”.

O que é un emoji?

A palabra emoji vén da unión de “e”, que significa imaxe en xaponés, e “moji” que significa letra. Os emojis sempre tiveron forma de imaxe e, alén de emocións, poden representar calquera cousa. A súa orixe está no Xapón e o seu inventor foi o enxeñeiro Shigetaka Kurita. Na actualidade, o encargado de estabelecer as imaxes é Unicode, un estándar de representación de texto en computador. Este estándar dálle un código a cada emoji. Cando prememos sobre el no teclado, o que estamos a facer é enviar ese código que ten asignado.


Actividade

Agora que xa sabes que cada certo tempo se producen novas incorporacións e actualizacións dos emojis que usamos, propóche un exercicio para familiarizarte cos que se acaban de incorporar en febreiro de 2020. De entre os 157 seleccionei estes 20 que figuran a continuación. Aparece o emoji e, ao pé, o nome que ten en inglés. O que tes que facer ti? Simple, darlle un nome en galego. Sé creativo!

  1. 🦞 Lobster:
  2. 🦜 Parrot:
  3. 🥳 Partying face:
  4. 🥶 Cold face:
  5. 👩‍🦰 Woman, red hair:
  6. 🦸‍♀️ Woman, superhero:
  7. 🦹‍♂️ Man supervillain:
  8. 🦹‍♀️ Woman supervillain:
  9. 🧬 DNA:
  10. 🦴 Bone:
  11. 🦡 Badger:
  12. 🦚 Peacock:
  13. 🧭 Compass:
  14. 🧶 Yarn:
  15. 🧺 Basket:
  16. 🧷 Safety pin:
  17. 🧹 Broom:
  18. 🧫 Petri dish:
  19. 🧩 Jigsaw:
  20. 🧸 Teddy bear:
Ver as solucións
  1. 🦞 Lobster: lagosta
  2. 🦜 Parrot: papagaio
  3. 🥳 Partying face: cariña de festa ou cariña festeira
  4. 🥶 Cold face: cariña de frío ou cariña friorenta
  5. 👩‍🦰 Woman, red hair: roiba ou rubia
  6. 🦸‍♀️ Woman, superhero: superheroína
  7. 🦹‍♂️ Man supervillain: supervilán
  8. 🦹‍♀️ Woman supervillain: supervilá
  9. 🧬 DNA: ADN
  10. 🦴 Bone: óso
  11. 🦡 Badger: teixugo
  12. 🦚 Peacock: pavón
  13. 🧭 Compass: compás
  14. 🧶 Yarn: nobelo
  15. 🧺 Basket: cesta
  16. 🧷 Safety pin: prendedor
  17. 🧹 Broom: vasoira
  18. 🧫 Petri dish: placa de Petri
  19. 🧩 Jigsaw: quebracabezas
  20. 🧸 Teddy bear: osiño de peluche

Sabías que...

A cantora norteamericana Katy Perry fixo un vídeo coa letra dunha das súas cancións en que mestura texto e emojis. O título da música é "Roar" (Ruxir):