Non sexas pardillo> parvo!
Dubida sempre das palabras terminadas en -illo ou en -illa. Case nunca se trata de formas galegas.
Esta terminación é moi habitual no castelán, mais non no galego, non te deixes enganar. A continuación, tes unha pequena escolma de castelanismos para os que temos unha palabra de noso. Úsaa!
1. Alfombrilla > o tapete do rato
2. Anilla > a argola
O nome na nosa lingua para o aro que usamos para prender as cortinas é argola.
Argolas é tamén o nome do aparello de ximnasia onde o atleta se pendura para executar os exercicios desta modalidade deportiva.
O tipo de encadernación con arame en espiral é a causa de que este tipo de caderno se chame, alén de caderno de argolas, caderno de espiral.
3. Bombilla > a lámpada
4. Cerilla > o misto
O pauciño, cunha cabeza que arde ao ser friccionada cunha superficie, é un misto. En portugués recibe o nome de fósforo por ser este elemento químico o que desencadea a combustión.
5. Descansillo > o relanzo
O espazo máis ou menos largo en que acaba cada grupo de chanzos dunha escaleira chámase relanzo en galego. O nome en portugués é moi diferente, descansan no patamar.
6. Escalerilla de embarque > a escada de embarque
7. Espinilla > a canela
A parte dianteira da perna desde o pé ao xeonllo é a canela. Como podes imaxinar, a parte posterior non é a pantorilla, senón a barriga da perna. O conxunto da canela e a barriga da perna aínda pode ser chamado canilla en español, especialmente se for magra, en galego é simplemente perna.
Tampouco chamamos espinilla ao punto negro que se forma pola acumulación de sebo na pel, o nome en galego para isto é espiña.
8. Hornillo > o fogón
O lugar onde se colocan as potas e as tixolas para cociñar é o fogón. O fogón pode estar nunha cociña de leña, nunha a gas, nunha placa de indución ou nunha vitrocerámica.
9. Parrilla > a grella
O obxecto con forma de grade que se usa para asar alimentos sobre as brasas chámase grella en galego.
Como co tempo esta palabra foi ampliando o seu significado, hoxe usámola noutros contextos que non teñen que ver coa comida. Na televisión, por exemplo, a grella é o cadro que contén a programación televisiva; nas corridas de deportes motorizadas, a grella de saída é o punto de onde parten os vehículos que participan; e na educación é moi habitual os docentes usaren unha grella de avaliación, un tipo de documento en que se especifican os criterios que aplican para avaliaren.
10. Telesilla > a telecadeira
Lóxico! Se unha silla é unha cadeira, un telesilla ten que ser unha telecadeira.