Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

Kiwi

Unha palabra e dúas pronuncias

Concordarás comigo en que esta escena dun pai a lle rogar con kiwis á filla mostra unha situación bastante habitual en moitos lares galegos. No meu recoñezo que é: "Tes kiwis, nena? Leva uns poucos!" é o ofrecemento co que acaban todas as visitas á casa dos meus pais no outono, que é cando se apaña este froito.

Mais as quintas non son os únicos lugares onde podemos encontrar kiwis. A pesar de seren introducidos hai relativamente pouco tempo, os kiwis chegaron á nosa terra no final dos anos 60, a realidade é que a Actinidia, nome técnico da planta rubideira que os produce, se adaptou marabillosamente aquí e o seu cultivo non parou de crecer desde entón. Na actualidade, a nosa comunidade é a maior produtora do estado español, de aquí sae máis de 60 % da produción total, a maioría do Baixo Miño.

Aínda que son moitas as cousas interesantes que se poderían dicir deste froito, o motivo de o traer hoxe aquí é o seu nome. Porque tal como ilustra o anuncio, kiwi pode ser pronunciado en galego de dúas formas distintas:

[kíbi], a forma que usa o pai.

[kíui], a forma que usa a filla.

Na miña familia, dicimos todos [kíbi]. A miña impresión é que esta é tamén a pronuncia maioritaria en galego.

Sabías que...

A palabra é unha adaptación do termo inglés kiwifruit, que ten a súa orixe nun préstamo do maorí. Nun principio, kiwi era o nome da ave símbolo da Nova Zelandia. Coa introdución da planta no país no inicio do século XIX, comezaron a chamar tamén así o froito, probabelmente por causa do parecido entre a casca e a plumaxe escura de aspecto piloso do paxaro.