Vamos tratar da papelada!
Lista de verbos que vas ter de conxugar para lidar co papelame
Encher papeis e máis papeis, todo é papelame! Gustemos ou non, infelizmente, esa é a realidade. A burocracia consome cada vez máis tempo, enerxía e diñeiro, por tanto, as accións que presento a seguir están moi presentes no día a día de todas as persoas. Seleccionei algunhas das máis habituais, repara só que o galego ten formas propias para todas estas xestións, logo non uses o castelanismo.
- Adjuntar (documentación, archivos) > anexar ~ xuntar ~ achegar (documentación, arquivos... en papel ou en formato electrónico)
- Archivar > arquivar
- Convalidar (un título) > recoñecer ~ validar (un título)
- Firmar > asinar
Firma aparece no dicionario, sei, mais o verbo asinar e o substantivo sinatura, son as formas maioritarias e as que verás, ou deberías ver, na documentación en galego.
- Recopilar > recompilar (máis papeis, claro)
- Rellenar, cumplimentar (formularios...) > encher, cubrir (formularios...)
- Sellar > selar
- Subsanar (un defecto de forma) > corrixir (un defecto de forma, ou sexa, máis papelorio)
- Tachar > riscar