Recursos de galego para secundaria

Imos aos gazafellos?

Todo o que debes saber sobre estes misteriosos animaliños

O gazafello é un invento de persoas argalleiras para burlarse daquelas que non teñen coñecementos de caza ou de pesca. A brincadeira consiste en propoñerlles a estes cazadores ou pescadores novatos iren na procura dun animal imaxinario, que non existe na realidade. O animal en cuestión pode ter diferentes nomes segundo a zona de Galicia: gazafellos, cazabellos, cocerellos ou biosbardos son algúns deles. Noutros lugares do estado español chámanlles gamusinos e en Portugal son gambozinos.

Canto ao seu aspecto, ninguén sabe con certeza como é un gazafello. Uns din que é do tamaño do dedo maimiño, outros que é coma un coello pequeno e ten certo parecido cun esquío, mais cun rabo distinto e con pezuños coma os dun cabalo. Non falta quen diga, aínda, que é un paxaro, porque voa.

Os inocentes que xa foron iniciados nesta curiosa práctica cinexética contan que os inventores da argallada sempre evitan dar detalles acerca do animal. Poden dicir, por exemplo, que se trata dunha especie acuática, que hai que atrapar metido nas augas dun curso fluvial, mais sen aclararen se están a falar dun peixe, dun anfibio, dun mamífero ou dunha ave.

Para convenceren a súa vítima de ir na procura de tan misteriosa criatura, argumentan cousas como que se trata dun animal cun altísimo valor culinario ou que quen o consegue cazar ten despois moita sorte na vida, a condición de que non llo mostre a ninguén. De aí que haxa descridos que pensen que os gazafellos non existen e que son só andrómenas para rirse dos inxenuos.

Cazar ou pescar estes animais require de moito enxeño e de traballo en equipo. Un bo método é ir de noite e levar un saco, para metelos, e un pau co que se vai batendo nas silveiras e no chan. Cando sae o gazafello, hai que conseguir que entre no saco. Convén ir con xente que coñeza o lugar e que xa teña estado en contacto anteriormente con eles. O gazafello é moi esquivo e, nun abrir e fechar de ollos, pode até mexar por nós... hai que ter moito coidado.

Gazafello no seu hábitat natural (cc)

Un lugar especialmente propicio para a caza do gazafello son os ríos. Neste caso, o mellor é ir a un regato ou un río pequeno, os gazafellos gustan moito de brincar onda o río ten pasais e poldras. Para velos, o ideal é escoller unha noite de lúa chea, se non, haberá que levar unha lanterna. O cazador novel terá que esperar á beira da auga a que apareza o bicho. Baixo o luar non tardará en ver o seu reflexo na auga, nese momento, o veterano que espera canda el murmuraralle ao ouvido: aí tes o gazafello. Mais será tarde, porque daquela xa estará na auga. Velaí un cazador cazado!

Outra variante da brincadeira consiste en pedirlle a un incauto que permaneza quieto e en silencio no medio das augas do río, equipado cun cesto ou cunha rede para capturar os gazafellos, mentres que os que o acompañan se sitúan nalgún lugar afastado río arriba. A función destes será asustaren os gazafellos para que saian dos seus escondedoiros e se dirixan ao lugar onde o coitado os espera co cesto ou coa rede na man.

Como o gazafello é un animal de hábitos nocturnos que unicamente se pode apresar de noite, os autores da artimaña non dubidarán en aproveitaren a escuridade para fuxiren deixando o pobre infeliz só no medio do río, aterecido de frío, e con cambras en todo o corpo pola postura. Mais non sen antes avisalo de que, para ter éxito na caza, debe invocar os gazafellos dicindo:

Gazafello vente ó rello… gazafello vente ó rello… gazafello vente ó rello


Comprensión lectora

Exercicio 1

Responde as seguintes preguntas sobre a lectura

  1. Cales son as mellores maneiras de cazar un gazafello?
  2. Que instrumentos necesitamos para ir na súa procura?
  3. Cal é o lugar ideal para atrapar este animal? Por que?
  4. Cales son as razóns que se adoitan dar para xustificar a súa caza?
  5. Explica o significado no texto da expresión "Velaí un cazador cazado"?
  6. Por que cres que non se sabe moi ben cal é o aspecto dun gazafello?

Exercicio 2

Busca na lectura a palabra que corresponde a cada unha das definicións:

  1. Contracción involuntaria, dolorosa, espasmódica e transitoria dun músculo ou dun grupo muscular:
  2. Animal que pode vivir tanto na terra coma na auga:
  3. Diversión, broma, pasatempo:
  4. Quen anda con bromas para divertirse ou rirse da xente:
  5. Chamar solemnemente:
  6. Luz do Sol reflectida pola Lúa, que ilumina a Terra durante a noite:
  7. Imaxe que devolve unha superficie lisa de algo que está colocado diante dela:
  8. O quinto dedo da man, o máis pequeno de todos:

Exercicio 3

Busca no texto un sinónimo para:

Exercicio 4

  1. Oíches algunha vez a expresión “andar aos biosbardos”? Que significa?
  2. No texto dise que "... algúns inocentes xa foron iniciados nesta curiosa práctica cinexética...". Que práctica é esa? Pon outro exemplo de práctica cinexética.