Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

Flexionares o infinitivo pode mellorar a túa vida

Contexto de uso (1): os agradecementos

A maioría dos profesores dirá que debes incorporar o infinitivo flexionado á túa fala para mellorares a túa lingua, a súa presenza é unha marca de calidade lingüística. E teñen razón, o infinitivo flexionado é unha construción singular, senlleira, que só se dá no galego-portugués e no húngaro. Trátase, por tanto, dun trazo identitario que só se encontra nestas linguas, razón máis que suficiente para o preservamos.

A súa natureza única explica tamén que esperte moita curiosidade nas persoas que se achegan ao estudo do galego. É sabido que os estudantes de linguas se senten inevitabelmente atraídos por todas as rarezas das linguas que estudan. Neste sentido, pode dicirse que teñen un comportamento moi similar ao dos turistas. Canto máis estraño ou extravagante for o costume do lugar, máis gustan. No caso dos alumnos estranxeiros é igual, só que aplicado ás palabras ou ás estruturas lingüísticas.

No entanto, os estranxeiros non son os únicos a experimentaren o feitizo do infinitivo flexionado. Existen tamén galegos para os cales o infinitivo flexionado é fascinante. Ouviches ben, si, fascinante. Non acreditas? Ten fe, porque non son poucos os galegos e as galegas que confesan que adoran a construción. "É tan lindo ouvila a algún profesor de galego", din con resignación a ollaren para o horizonte.

Polo xeral, son persoas todas que consideran que a natureza do infinitivo, alén de única, é misteriosa. Na súa opinión, o infinitivo flexionado é só para uns poucos escollidos, docentes de galego, que atinxiron o seu dominio após anos de estudo das regras gramaticais, e tamén algúns seres de luz que naceron cun don natural para o usaren. Será que teñen razón? O infinitivo flexionado non é para calquera?

E se eu che dixese que é posíbel usarmos o infinitivo flexionado sen sabermos nada de gramática? E non só iso. É posíbel usalo ao tempo que melloramos as nosas relacións persoais. O único que temos que facer é identificarmos un contexto de uso propicio para o flexionarmos e, unha vez identificado, flexionalo sempre que tivermos a oportunidade.

Como son unha profesora ambiciosa e aspiro non só a que aprendas a flexionar o infinitivo, senón tamén a mellorar as túas relacións amorosas, familiares, laborais, de amizade etc., comezaremos por flexionalo sempre nos nosos agradecementos. Sei que o desafío é grande, porque, se formos honestos, agradecemos pouco. Mais como o noso propósito é usarmos o infinitivo nun contexto en que nunca vai estar mal, a partir de agora non temos alternativa, temos de agradecer. O infinitivo merece! E as persoas tamén, claro!

A estrutura que imos usar é moi simple. Podemos sintetizala na seguinte fórmula:

Grazas por + infinitivo flexionado + o que quixermos agradecer

Agora só resta imaxinarmos posíbeis situacións e aplicarmos a fórmula. Se pensares no asunto, son moitas as persoas a quen podemos mostrar gratitude ao longo dun día:

Como ves, non é nada complicado e pasarás de flexionar 0 veces o infinitivo a flexionalo 1, 2, 3, 4... non hai límite. O mellor de todo é que, alén de mellorares a túa calidade lingüística, tamén estarás a mellorar as túas relacións sociais. Un win win! O único que necesitas para comezar é vontade e saberes as formas. Para isto último, recoméndoche que revises: As formas do infinitivo persoal.

Nota: Aínda que grazas é a forma usada nesta fórmula de agradecemento, non é a única. Hai galegos e galegas por aí fóra a agradeceren con: Obrigado/a por..., Graciñas por... Todo ben!