Recursos de galego para secundaria

A pluma viva de Rosalía

Hoxe imos profundar un pouco máis na figura de Rosalía de Castro. Sabedes xa moitas cousas sobre ela porque...

Vimos un vídeo de Tik tak draw sobre a súa vida e a súa obra. Lembrades? Era este:

Despois de velo, pedinvos que fixésedes este cuestionario do portal Gciencia sobre a autora. Que aínda non o fixeches? E a que esperas? Canto sabes de Rosalía de Castro?

Ese día tamén lemos o poema n.º 2 de Cantares gallegos, o primeiro libro de poemas en galego de Rosalía de Castro e que supuxo o inicio do Rexurdimento en Galicia. A continuación, escoitamos “Rexurdimente”, unha versión que fixo a banda galega Devacas con música do tema “Malamente” da outra Rosalía, a cantante catalá.

A maioría de vós tamén asististes no Auditorio de Negreira á representación teatral A pluma viva de Rosalía realizada polo grupo de teatro Os Quinquilláns. A historia que levaron ao escenario sitúase no ano 1864 e comeza coa visita, por sorpresa, de Rosalía de Castro á imprenta de Soto e Freire en Lugo. Catro textos brillantes, retranqueiros e satíricos da escritora están a punto de seren publicados, mais nas oficinas da imprenta acaba de acontecer un conflito moi violento e Rosalía vai descubrir que todo ten que ver con ela e a súa obra.

A idea para esta actividade que vos propoño foi dunha colega de galego do instituto (Begoña, 🙏 ). Está pensada para que coñezades un pouco mellor o episodio violento de que se fala na peza teatral do Quinquilláns. Para conseguilo, primeiro teredes que ler este artigo do xornal La Voz de Galicia en que se fala do asunto.

Unha vez feito isto, tratade de responder as preguntas.


Preguntas

  1. O titular da noticia é "Cando un tumulto de seminaristas censurou un artigo de Rosalía". Que é un tumulto? Por que outras palabras poderiamos substituír esta palabra aquí?

  2. E censurar? Procura este verbo no dicionario, se non o sabes.

  3. Que significa a expresión intra muros que aparece no primeiro parágrafo da noticia? É galega?

  4. Por que poderías substituír as palabras reza e vencello en:

    ...un edificio no que unha placa reza: «Aquí viviu entre 1864 e 1868 a poeta de Galicia, Rosalía de Castro». A día de hoxe hai estudosos que teñen serias dúbidas de que Rosalía chegara a estar na cidade, pero o seu vencello con Lugo foi moi real.

  5. No artigo explícase "Unha desas publicacións era o Almanaque de Galicia para uso de la juventud elegante y de buen tono, de periodicidade anual, que comezou no 1863 e que se prolongaría durante seis números. Foi o exemplar do ano 1864 o que desatou a treboada.".

    Poderías explicar o que significa a expresión "desatou a treboada" neste contexto?

  6. O conflito en que se basea a A pluma viva de Rosalía sucedeu na realidade?

  7. En que consistiu? Foi violento?

  8. Quen estivo involucrado?

  9. En que ano ocorreu todo? E en que século?

  10. No artigo menciónase a cidade onde aconteceu este suceso. Que cidade é esa?

  11. Por que sabemos hoxe que todo isto pasou?

  12. Quen escribiu o artigo “El Codio”?

  13. Que significa a palabra codio?

  14. “El Codio” chegou a publicarse? Por que o sabemos?

  15. De que cren os especialistas que trataba este artigo?

  16. Que outros textos de Rosalía si publicou Soto Freire?

  17. No artigo de La Voz de Galicia dise: “Cantares Gallegos, "El cadiceño", "Las literatas. Cartas a Eduarda", ou "¡No sueñes!", todos da mesma autora, si chegaron a imprimirse nos Almanaques do editor lucense, que sería tamén o encargado de poñer negro sobre branco a novela El caballero de las botas azules en 1867.”

    Que significa a expresión “poñer negro sobre branco” aquí?

  18. Quen era Manuel Soto Freire?

  19. E Manuel Murguía?

  20. Manuel Soto Freire non só publicou textos de Rosalía de Castro. A que outros autores lles publicou textos?

  21. No artigo de La Voz de Galicia empréganse dous sinónimos para a palabra xornal. Cales son?