Ditongos e hiatos
Como os recoñezo?
Ditongo
Dúas vogais que van seguidas forman un ditongo cando as pronunciamos na mesma sílaba. Exemplos: nai, pei-xe, can-ción
Tipos de ditongos
- Crecentes: vogal fechada (i, u) + vogal aberta (a, e, o). Ex.: paciente, cuarto
- Decrecentes: vogal aberta (a, e, o) + vogal fechada (i, u). Ex.: pau
- Homoxéneos: dúas vogais fechadas. Ex.: viviu
Hiato
Dúas vogais que van seguidas forman un hiato cando as pronunciamos en sílabas diferentes. Exs.: a-re-a, en-xa-bo-ar, po-e-ma
Tipos de hiatos
- Dúas vogais abertas (a, e, o). Ex.: coello
- Unha vogal aberta (a, e, o) átona e outra fechada (i, u) tónica. Ex.: baúl
- Duas vogais fechadas (i, u), a segunda delas tónica. Ex.: viúva
Repara
iu e ui son ditongos se o primeiro é o elemento tónico. Ex.: viu, puido
iú e uí son hiatos se o segundo elemento é tónico. Neste caso indícase cun acento gráfico. Ex.: miúdo, ruído
Exercicio 1
Localiza nas seguintes palabras os ditongos e os hiatos que houber. Xustifica a túa resposta.
Ex.: au-ga: Ditongo au porque as dúas vogais se pronuncian na mesma sílaba. É decrecente porque a primeira vogal é aberta e a segunda é fechada.
- lingua:
- traer:
- gaita:
- pelexa:
- fiestra:
- coidado:
- moeda:
- táboa:
- fuxiu:
- quieto:
Verifica as respostas
- lin-gua: Ditongo ua porque as dúas vogais se pronuncian na mesma sílaba. É crecente porque a primeira vogal é fechada e a segunda é aberta.
- tra-er: Hiato ae porque as dúas vogais se pronuncian en sílabas distintas. As dúas vogais son abertas.
- gai-ta: Ditongo ai porque as dúas vogais se pronuncian na mesma sílaba. É decrecente porque a primeira vogal é aberta e segunda é fechada.
- pe-le-xa: Non hai ningún encontro vocálico, por tanto, non pode haber nin ditongo nin hiato.
- fies-tra: Ditongo ie porque as dúas vogais se pronuncian na mesma sílaba. É crecente porque a primeira vogal é fechada e a segunda é aberta (un e semiaberto).
- coi-da-do: Ditongo oi porque as dúas vogais se pronuncian na mesma sílaba. É decrecente porque a primeira vogal é máis aberta que a segunda.
- mo-e-da: Hiato oe porque as dúas vogais se pronuncian en sílabas distintas. As dúas vogais son abertas.
- tá-bo-a: Hiato ao porque as dúas vogais se pronuncian en sílabas distintas. As dúas vogais son abertas.
- fu-xiu: Ditongo iu porque as dúas vogais se pronuncian na mesma sílaba. É homoxéneo porque as dúas vogais son fechadas.
- quie-to: Ditongo ie porque as dúas vogais se pronuncian na mesma sílaba. É crecente porque a primeira vogal é fechada e a segunda é aberta (un e semiaberto).