Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

Desculpa, non estou a entender

11 falsos amigos do galego no español

1. Año

Un año só pode ser en galego a cría da ovella, porque para falarmos do período de tempo de 365 días temos xa ano.

2. Berro

Na nosa terra, un berro é un grito ou un bramido.

As ensaladas facémolas con agróns, mais non só, tamén poden levar: leituga, herba dos cóengos, eiruga (rúcula en español), escarola...

3. Gallo

Un gallo é a parte que sae do tronco dunha árbore ou arbusto. Póla e rama son sinónimos.

Os que encontramos no galiñeiro ou pousados no poleiro son galos, cun só l.

4. Grúa

Na Galiza, unha grúa é a femia do grou, ou sexa, unha ave.

A máquina cun brazo que permite levantar e mover grandes pesos é un guindastre.

5. Niño

Un niño é a estrutura que as aves constrúen para poren os ovos e criaren.

Para chamarmos os humanos de pouca idade, os galegos usamos outras palabras: neno, meniño, rapaz, cativo ou pícaro. Non cres que é paradoxal que, sendo o noso un país tan envellecido, existan tantas formas para nomearen as crianzas?

6. Rato

Un rato é un roedor, un substantivo que, igual que aconteceu en inglés, ampliou o seu significado e acabou por dar nome tamén ao periférico do computador.

Mais rato non se pode usar en galego para referirse a un período de tempo curto. Para iso temos momento, instante, intre, pedazo ou bocado.

7. Rubia

Unha rubia ou, mellor aínda, unha roiba é unha muller co cabelo vermello ou alaranxado.


As persoas que teñen o cabelo de cor dourada son louros ou louras. E, si, se fores a un bar, o que tes que pedir é unha loura ou unha cervexa loura.

8. Seta

As setas son os proxectís que se lanzan por medio dun arco.

O que imos apañar ao monte no outono é outra cousa: cogomelos.

9. Toro

Toro é unha tallada, un pedazo de carne ou de peixe. Tamén se lle chama así ao tronco dunha árbore.

O animal que, infelizmente, continúa a morrer na arena de moitas prazas é o touro.

10. Torta

En galego, unha torta é unha sobremesa, concretamente, un tipo de bolo doce que se toma ao final dunha comida.

Para nos referir ao golpe dado coa man aberta na cara, a forma máis usada talvez sexa labazada. Con todo, non é a única, temos tamén lapote, sopapo ou zafranada.

11. Zorra

A zorra é o vehículo utilizado para nos deslizarmos sobre a neve ou o xeo.

O nome deste animal en galego é raposa e, non, non ten esa connotación negativa que ten no español. Ao raposo asócianse valores como a astucia e a intelixencia, mais non ese. Formas equivalentes en galego para o insulto serían pendanga, coiro ou candonga.