Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

Cumprir non é un verbo, son dous

Efectivamente, en galego temos dous verbos e non un. Cada un deles, co seu propio significado ou significados:

  1. cumprir = "executar, desempeñar" ~ "acatar, obedecer" ~ "realizar o prometido" ~ "expiar unha pena por un delito"
  2. cumprir = "ser preciso" ~ "convir, ser conveniente"

A pesar de teren a mesma forma no infinitivo, a súa conxugación no presente do indicativo é diferente.

  1. cumprir = "executar, desempeñar" ~ "acatar, obedecer" ~ "realizar o prometido" ~ "expiar unha pena por un delito"

    • cumpro
    • cumpres
    • cumpre
    • cumprimos
    • cumprides
    • cumpren
  2. cumprir = "ser preciso" ~ "convir, ser conveniente"

    • cumpro
    • cómpres
    • cómpre
    • cumprimos
    • cumprides
    • cómpren

Exercicio

Como saber cal é a forma que debemos usar non é así tan fácil, fixen este exercicio para practicares.

  1. El non tomou a decisión, só cumpre as ordes.
  2. Cómpreresiliencia para superar as adversidades da vida.
  3. Neste país todos os cidadáns cumpren a lei escrupulosamente.
  4. Cómpre ires ao supermercado por fariña, quero facer filloas.
  5. Non me prometa nada, nunca cumpre a palabra dada.
  6. Evidentemente, non vou votar nos políticos que non cumpren as promesas electorais.
  7. Cómpre moita paciencia con el, é unha persoa difícil.
  8. Todos os seres vivos cumpren un papel no ecosistema.
  9. O preso cumpre unha pena de dez anos na cadea de Teixeiro.
  10. Non nos cómpren tantos luxos, gustamos de cousas simples.

Verifica as respostas

Repara!

En galego, o verbo cumprir non é usado para falarmos dos aniversarios das persoas. Neste caso, o verbo que debemos utilizar é facer.

Exemplo: Onte a miña filla fixo catro anos.

Esther Estévez, para celebrar o episodio n.º 100 do Dígocho eu, mesmo lle dedicou un programa a esta e outras cuestións relacionadas cos aniversarios: