Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

Contraccións (1)

Artigo determinado + preposición

As formas do artigo determinado (o, a, os, as) contraen coas preposicións a, con, de, en e por en galego.

preposicións/artigos o a os as
a ao á aos ás
con co coa cos coas
de do da dos das
en no na nos nas
por polo pola polos polas

Exercicio 1

Completa coas contraccións correspondentes:

Exemplo: Comemos polbo á feira e churrasco.

  1. Fun ao supermercado, á peixaría e á panadaría.
  2. O irmán máis vello estuda no seu cuarto e o pequeno, na sala de estar.
  3. Tatexaba máis do normal polos nervios.
  4. Se volves cedo do adestramento, iremos ao cinema.
  5. Estamos a agardar polo tren que vén da Coruña.
  6. Quero saír á rúa brincar coas miñas amigas.
  7. Meteu as mans nos petos e púxose a asubiar.
  8. Espirro moito na primavera porque teño alerxia ao pole.
  9. Lévome ben cos meus pais e coas miñas irmás.
  10. Van expulsar a Antón do instituto polo seu mal comportamento.
  11. Rabuñou as pernas todas nas silvas.
  12. Fun pasear á beira do río co meu can.
  13. Caeu polas escaleiras e parteu un óso da perna.
  14. Acordo ás 7 da mañá para ir ao traballo.
  15. As pingas de suor escorríanlle pola cara.
  16. Senta na cadeira e escoita con atención.
  17. Abre coa túa chave, eu esquecín a miña.
  18. Non hai quen entenda a letra dos apuntamentos da miña compañeira.
  19. Subiu moito o prezo das cereixas.
  20. Deixounos a todos coa boca aberta.

Corrixe as respostas

E o que acontece cos artigos dos topónimos?

Contraen tamén coas preposicións? Como será: Vivo en A Coruña ou vivo na Coruña?

Hai topónimos que levan necesariamente artigo (A Coruña, O Carballiño, A Estrada), mentres que outros se usan sempre sen el (Negreira, Vigo, Lugo).

Como moi ben explica Esther Estévez, os artigos que acompañan algúns destes nomes de lugar compórtanse coma o resto dos artigos no que se refire ás contraccións. De acordo con isto, cando van precedidos dunha preposición coa que contraen (a, con, de, en ou por), temos que facer a contracción igualmente: vivo na Coruña, pasei polo Carballiño, vén da Estrada etc.

Ficou claro? Aínda non? Pois aquí che deixo unha segunda explicación de Esther, neste caso para un usuario de Tiktok, sobre as contraccións cos topónimos. Olla o vídeo e non peques máis en galego!

Exercicio 2

Realiza a contracción cando for preciso:

  1. Antón vai na (en) Guarda e non volve até a noite.

  2. Este ano quería ir á festa do queixo de (de) Arzúa.

  3. Pasei a fin de semana na casa dos meus pais en (en) Ribeira.

  4. Eles veranean no (en) Grove desde hai moitos anos.

  5. Nacín en (en) Ferrol, mais agora vivo nas (en) Pontes de García Rodríguez.

  6. A miña nai é da (de) Pobra do Caramiñal.

  7. Vivín varios anos no (en) Porriño.

    Corrixe as respostas