Recursos de galego para secundaria

Cando leva acento mais e cando non?

Hai unha morea de recursos na rede en que se ocupan desta cuestión.

Abaixo deixo as ligazóns a dous moi útiles:

Vídeo do #DígochoEu: Non confundas "máis", "mais" e "e mais"

Post sobre a palabra no blog Dúbidas do galego: Mais

Un truco moi eficaz para acertarmos á hora de acentuarmos esta palabra é lembrármonos de que máis sempre leva acento, non sendo en dous casos:

1. Cando mais é unha conxunción adversativa.

Ex.: Ten moitos méritos, mais non os suficientes para o posto.

Saberemos que se trata dunha conxunción adversativa, se a podemos substituír por pero.

Ex.: Ten moitos méritos, pero non os suficientes para o posto.

2. Cando é unha conxunción copulativa. Neste caso pode ir soa ou dentro da locución e mais.

Ex.: Ti mais eu entendémonos ben.

Ex.: Fíxoo Xoán e mais un amigo.

Saberemos que é unha conxunción copulativa, se a podemos substituír pola conxunción e e o significado da oración non varía.

Ex.: Ti e eu entendémonos ben.

Ex.: Fíxoo Xoán e un amigo.

No resto dos casos, que son os máis 😉, temos que acentuar máis.

Aínda que máis leva acento a maioría das veces, non acontece o mesmo con ademais. Como moi ben explica Esther Estévez no vídeo do #DígochoEu: ademais nunca se acentúa, porque é unha palabra aguda que acaba en ditongo decrecente.


Exercicios

Acentúa mais cando corresponda:

  1. Burela é un dos portos máis importantes da costa cantábrica.
  2. Sempre quere máis, nunca ten abondo.
  3. Ía dicir unha cousa, mais vou calar a boca.
  4. As máis das veces non sei o que dicir.
  5. Á cea veño eu só, os máis foron ver o partido.
  6. Sete máis tres son dez.
  7. Que traxe máis elegante levas!
  8. Deixou a máis da comida no prato.
  9. Estou moi cansada, non quero traballar máis.
  10. Non tes máis que pedilo e é teu!
  11. Había máis de dez persoas á porta.
  12. Temos que axudar os que máis o necesitan.

Corrixe as respostas