Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

Aprende a pronunciar con xeito o x

Lista de palabras en que a pronuncia do x é [ks]

Hoxe imos debruzarnos sobre 10 palabras que é moi habitual ouvirmos cunha pronuncia errada. A incorrección consiste en pronunciarmos o x como en queixa ou en lixo, cando o son que deberiamos producir é o mesmo que en tórax ou en experto.

Lémbrate!

A pronuncia do x de todas estas palabras mantense igual nas derivadas.

  1. anexar

Temos [ks] no verbo anexar, logo nos dous participios: anexo e anexado, tamén.

  1. circunflexo

O circunflexo é un tipo de acento (^). En portugués úsase para marcar as vogais fechadas. Ex.: pôr.

A pronuncia do x desta palabra é como a de nexo.

  1. complexo

Complexo ten [ks], e tamén complexidade, acomplexar e todos os complexos resultantes deste verbo: de culpa, de Edipo, de Electra, de inferioridade, de superioridade...

  1. crucifixo

O xe de crucifixo e de crucifixión pronúnciase como o de flexión.

  1. paradoxo

Un paradoxo é unha contradición aparente.

A pronuncia da terminación desta palabra é igual á de heterodoxo. Neste caso, non hai paradoxo ningún, porque paradoxal e paradoxalmente tamén se pronuncian con [ks].

  1. perplexo

😯

Todos fican perplexos ao saberen que a pronuncia deste x é [ks]. Pois é, e o mesmo se aplica a perplexidade.

  1. prefixo

Pronúnciase con [ks] prefixo e toda a familia: prefixación, prefixar, sufixo, sufixar, sufixal, sufixación, infixo, interfixo...

  1. prolixo

O contrario de conciso é prolixo con [ks]. Aínda que o adxectivo pode aplicarse tanto a persoas (aquelas con tendencia á digresión) como a cousas (demasiado longas e extensas), repara neste pormenor: unha escritora con moita obra publicada non é *prolixa, senón prolífica.

  1. reflexo

O son [ks] está presente en reflexo, retroflexo e reflexivo. O verbo do cal proveñen non é *reflexar, non, é reflectir.

  1. saxón

O nome deste pobo xermánico ten [ks], por tanto, tamén o teñen saxoa, anglosaxón, anglosaxoa, baixosaxón e baixosaxoa.