Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

A operación Balmis

Comprensión de textos orais e escritos

É posíbel que oíses falar estes días nos telexornais da operación Balmis. Este é o nome co que se decidiu bautizar a misión de loita contra o coronavirus en que participan as distintas forzas e corpos de seguranza do estado desde o comezo da crise sanitaria.

O que quizais non saibas é que detrás dese nome se esconde unha aventura asombrosa. E que os heroes desta historia foron un médico alacantino, o doutor Francisco Javier Balmis, unha enfermeira galega, Isabel Zendal, e 22 orfos da Casa de Expósitos da Coruña.

Así como os sanitarios están a loitar en 2020 contra o SARS-CoV-2, o virus que produce a covid-19, hai xa máis de 200 anos, eles tamén se tiveron de enfrontar a outro que estaba a ameazar a sociedade do seu tempo, o virus da varíola.

Recursos

Na rede hai numerosos recursos con información sobre este fito da medicina, mais seleccionei estes catro que che presento a continuación:

  1. O vídeo da Televisión de Galicia Coñecemos a expedición contra a varíola (1803) que lle puxo nome á operación Balmis do Exército contra o coronavirus
  2. O vídeo de Xacobo de Toro Cacharrón sobre a expedición Balmis e a vitoria da vacinación:
  1. O artigo publicado no portal Gciencia “Os 22 orfos coruñeses que levaron a vacina da varíola a América”
  2. O artigo do xornal dixital Praza titulado "Isabel Zendal, a enfermeira galega á que lle debemos a difusión da vacina que erradicou a varíola"

A misión

A túa misión será explorares todos eles na procura de respostas para as seguintes preguntas:

  1. O que é a varíola?
  2. Alén de varíola, que outros nomes ten en galego esta doenza?
  3. Cantas mortes causou durante o século XVIII?
  4. A quen afectaba máis o virus da varíola? E a quen afecta máis o coronavirus?
  5. Que médico inglés descubriu a vacina contra a varíola?
  6. Como fixo a descuberta?
  7. Cando foi erradicada esta doenza?
  8. Cales son as outras dúas doenzas que se encontran en fase de eliminación neste momento?
  9. En que consistiu a Operación Balmis-Salviny?
  10. A onde levaron a vacina da varíola?
  11. Que é un expósito?
  12. Onde naceu Isabel Zendal?
  13. Cal foi o papel desta muller na operación Balmis?
  14. Que recoñecementos alcanzou Isabel Zendal?
  15. De cantas maneiras distintas aparece escrito o nome da enfermeira galega na documentación que se conserva? Segundo o xornalista Marcos Pérez Pena, que indica esta circunstancia?

Sabías que...

A escritora Marilar Aleixandre reivindica na súa obra A vaca caníbal a contribución á historia da humanidade dunha serie de vacas exemplares. Unha destas vacas é Buttercup, a vaca das vacinas. Velaí a súa historia:

Vacas exemplares: A vaca das vacinas

Había unha vez unha vaca chamada Buttercup, mais que chegou a facerse célebre porque a ela se debe un avance científico tan importante como as vacinas.

En van procuraredes o nome de Buttercup nos libros de historia da medicina. Mais ¿que ten iso de raro? Tamén os libros de historia falan dos contos dos irmáns Grimm, a pesar de que dos douscentos e pico contos eles só achegaron un cada un, mentres as amigas da súa irmá Lotte como as irmás Hassenpflug e Dortchen Wild achegaron vinte ou trinta cada unha, e Dorothea Viehmann máis de corenta. A meirande parte dos libros tampouco mencionan a Mary Wortley Montagu, precursora das vacinas.

A historia si recolle o nome de Sarah Nelmes, a campesiña que coidaba de Buttercup. Ocorreu que un día do ano 1796 o médico de aldea Edward Jenner decatouse de que Sarah e outras mulleres que muxían as vacas, enfermaban dunha varíola das vacas, e ficaban a salvo de contaxiarse da varíola común, moito máis perigosa.

Jenner pediulle a Sarah que lle deixase tirar un pouco de líquido da súa man e inxectoullo a un neno de oito anos, fillo do seu xardineiro, James Phipps quen, naturalmente, enfermou da varíola das vacas. Mais, cando mes e medio despois, o médico lle inxectou ao neno varíola común, James non enfermou. Este método de previr doenzas infecciosas foi chamado vacina, que vén do noso nome en latín vacca.

A historia de Buttercup ensínanos dúas cousas:

  • A primeira: as vacas xogaron un papel moi importante na historia da ciencia: grazas a elas dispoñemos das vacinas, como recoñece o propio nome.
  • A segunda: os métodos utilizados polos homes (polo menos, neses tempos) para experimentar novas formas de curar son moito máis desapiadados que os das vacas. Unha vaca nuna poñería en perigo a vida dun cucho -como fixo Jenner co pequeno James- por moi pobre que fose.

Máis curiosidades