A operación Balmis
Comprensión de textos orais e escritos
É posíbel que oíses falar estes días nos telexornais da operación Balmis. Este é o nome co que se decidiu bautizar a misión de loita contra o coronavirus en que participan as distintas forzas e corpos de seguranza do estado desde o comezo da crise sanitaria.
O que quizais non saibas é que detrás dese nome se esconde unha aventura asombrosa. E que os heroes desta historia foron un médico alacantino, o doutor Francisco Javier Balmis, unha enfermeira galega, Isabel Zendal, e 22 orfos da Casa de Expósitos da Coruña.
Así como os sanitarios están a loitar en 2020 contra o SARS-CoV-2, o virus que produce a covid-19, hai xa máis de 200 anos, eles tamén se tiveron de enfrontar a outro que estaba a ameazar a sociedade do seu tempo, o virus da varíola.
Recursos
Na rede hai numerosos recursos con información sobre este fito da medicina, mais seleccionei estes catro que che presento a continuación:
-
O vídeo da Televisión de Galicia Coñecemos a expedición contra a varíola (1803) que lle puxo nome á operación Balmis do Exército contra o coronavirus
-
O vídeo de Xacobo de Toro Cacharrón sobre a expedición Balmis e a vitoria da vacinación:
-
O artigo publicado no portal Gciencia “Os 22 orfos coruñeses que levaron a vacina da varíola a América”
-
O artigo do xornal dixital Praza titulado "Isabel Zendal, a enfermeira galega á que lle debemos a difusión da vacina que erradicou a varíola"
A misión
A túa misión será explorares todos eles na procura de respostas para as seguintes preguntas:
- O que é a varíola?
- Alén de varíola, que outros nomes ten en galego esta doenza?
- Cantas mortes causou durante o século XVIII?
- A quen afectaba máis o virus da varíola? E a quen afecta máis o coronavirus?
- Que médico inglés descubriu a vacina contra a varíola?
- Como fixo a descuberta?
- Cando foi erradicada esta doenza?
- Cales son as outras dúas doenzas que se encontran en fase de eliminación neste momento?
- En que consistiu a Operación Balmis-Salviny?
- A onde levaron a vacina da varíola?
- Que é un expósito?
- Onde naceu Isabel Zendal?
- Cal foi o papel desta muller na operación Balmis?
- Que recoñecementos alcanzou Isabel Zendal?
- De cantas maneiras distintas aparece escrito o nome da enfermeira galega na documentación que se conserva? Segundo o xornalista Marcos Pérez Pena, que indica esta circunstancia?
Sabías que...
A escritora Marilar Aleixandre reivindica na súa obra A vaca caníbal a contribución á historia da humanidade dunha serie de vacas exemplares. Unha destas vacas é Buttercup, a vaca das vacinas. Velaí a súa historia:
Vacas exemplares: A vaca das vacinas
Había unha vez unha vaca chamada Buttercup, mais que chegou a facerse célebre porque a ela se debe un avance científico tan importante como as vacinas.
En van procuraredes o nome de Buttercup nos libros de historia da medicina. Mais ¿que ten iso de raro? Tamén os libros de historia falan dos contos dos irmáns Grimm, a pesar de que dos douscentos e pico contos eles só achegaron un cada un, mentres as amigas da súa irmá Lotte como as irmás Hassenpflug e Dortchen Wild achegaron vinte ou trinta cada unha, e Dorothea Viehmann máis de corenta. A meirande parte dos libros tampouco mencionan a Mary Wortley Montagu, precursora das vacinas.
A historia si recolle o nome de Sarah Nelmes, a campesiña que coidaba de Buttercup. Ocorreu que un día do ano 1796 o médico de aldea Edward Jenner decatouse de que Sarah e outras mulleres que muxían as vacas, enfermaban dunha varíola das vacas, e ficaban a salvo de contaxiarse da varíola común, moito máis perigosa.
Jenner pediulle a Sarah que lle deixase tirar un pouco de líquido da súa man e inxectoullo a un neno de oito anos, fillo do seu xardineiro, James Phipps quen, naturalmente, enfermou da varíola das vacas. Mais, cando mes e medio despois, o médico lle inxectou ao neno varíola común, James non enfermou. Este método de previr doenzas infecciosas foi chamado vacina, que vén do noso nome en latín vacca.
A historia de Buttercup ensínanos dúas cousas:
- A primeira: as vacas xogaron un papel moi importante na historia da ciencia: grazas a elas dispoñemos das vacinas, como recoñece o propio nome.
- A segunda: os métodos utilizados polos homes (polo menos, neses tempos) para experimentar novas formas de curar son moito máis desapiadados que os das vacas. Unha vaca nunca poñería en perigo a vida dun cucho -como fixo Jenner co pequeno James- por moi pobre que fose.
Máis curiosidades
- María Solar publicou en 2017 Os nenos da varíola, unha novela baseada na historia real dos 22 orfos da expedición Balmis que levaron no seu corpo a vacina da varíola a América.
- En 2020, a compañía PÉREZ&FERNÁNDEZ en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) presentou a adaptación teatral desta novela de María Sorlar.
- Os amantes da banda deseñada poden ler Novo mundo. Isabel Zendal na expedición da vacina, unha versión neste formato editada pola editora Bululú.
- Hai tamén un telefilme que narra as aventuras da Real Expedición Filantrópica da Vacina. Intitúlase 22 ángeles e a actriz galega María Castro é quen interpreta o papel de Isabel Zendal nesta produción.