Recursos para a aprendizaxe da lingua galega

10 países europeos que non temos claro como chamar en galego

Neste post falamos sobre a forma correcta de nomearmos 10 países da Europa e os seus respectivos habitantes.

Comezamos!

1. Alemaña: alemán - alemá / alemáns - alemás

É un erro bastante habitual vermos mal escrito o nome deste país e tamén o dos seus nativos. As razóns? A nosa é unha lingua aínda sen normalizar e hai bastantes galegos que descoñecen moitas das formas do estándar (este é un exemplo) e tamén regras gramaticais básicas, como as de formación do plural e do feminino.

2. Noruega: noruegués - norueguesa

No caso do país nórdico, a confusión prodúcese só á hora de falarmos dos seus habitantes, quen normalmente son chamados noruegos, como en español, e non noruegueses e norueguesas, como debe ser en bo galego e tamén en bo portugués (norueguês e norueguesa, como o e é fechado, eles márcano cun acento circunflexo).

3. Dinamarca: dinamarqués - dinamarquesa

A mesma cousa acontece coa Dinamarca. Aquí, a pesar de estaren admitidas as formas danés e danesa en galego, é máis recomendábel optarmos polas voces dinamarqués e dinamarquesa, comúns a toda a lusofonía.

4. Romanía: romanés - romanesa

Con certeza, a campioa absoluta nestas olimpíadas do erro é a Romanía. O motivo é que os termos en galego difiren dos usados polos nosos veciños. Dos utilizados polos españois, xa que en España todos os nacidos na Rumanía son chamados rumanos, e tamén dos dos portugueses, quen chaman Roménia, ao país, e romenos e romenas, aos oriúndos do lugar.

5. Países Baixos: neerlandés - neerlandesa

A confusión neste caso débese a que se popularizou a designación dunha parte do país: Holanda, para se referir a todo o conxunto. Porén, se quixermos ser rigorosos, debemos usar Países Baixos para o estado e neerlandeses ou neerlandesas para falarmos dos habitantes deste reino.

6. Belarús: belaruso - belarusa / bielorruso - bielorrusa

É posíbel ignorares que as formas bielorruso e bielorrusa, presentes aínda na maior parte das linguas faladas do mundo e admitidas tamén en galego, derivan do nome ruso do topónimo. Como en 1991, coa independencia do país da antiga Unión Soviética, o estado pasou a ser a República de Belarús, ten toda a lóxica chamalos belarusos e belarusas, tal e como é o seu desexo.

7. República Moldova: moldovo - moldova

Aínda que Moldavia é a forma máis común na rúa, a denominación oficial do país en galego é República Moldova. Por coherencia co nome do lugar, os seus cidadáns son moldovos e moldovas.

8. Austria: austríaco - austríaca

Ninguén ten dúbidas relativamente ao nome do país, no entanto, non se pode afirmar o mesmo do seu xentilicio. O problema neste caso é a pronuncia, dado que austríaco é unha palabra esdrúxula e non grave. Non te esquezas, por tanto, de colocares sempre o acento gráfico no i.

9. Bosnia (e Hercegovina): bosníaco - bosníaca

O acento tamén é un problema á hora de falarmos dos naturais da Bosnia e Hercegovina. O correcto en galego é bosníaco e bosníaca e non bosnio nin bosnia, como en español. En portugués están admitidas as dúas formas.

10. Ucraína: ucraíno - ucraína

Infelizmente, a denominación do país e da súa xente popularizouse no momento en que a Rusia invadiu o país no día 24 de febreiro de 2022. Non foron as únicas formas, porque nos telexornais axiña comezaron a aparecer moitos outros topónimos cada vez que os correspondentes informaban do desenvolvemento da guerra. Poucos días despois, ficamos a saber que o Seminario de Onomástica da RAG aprobara a adaptación ao galego de todos estes topónimos que aparecen no mapa.

Se tiveres curiosidade, podes ver a explicación do Gabri Fuentes en #MenosDunMinuto ou leres o post sobre o proceso de fixación: O Seminario de Onomástica aproba a adaptación dos nomes da capital e doutras cidades ucraínas

Neste caso, o galego afástase do portugués, que ten Ucrânia para o país, e ucraniano e ucraniana para as persoas nativas.

Iugoslavia: iugoslavo - iugoslava

Xa sei que a Iugoslavia non é máis un país europeo, porén, decidín incluílo porque tanto a denominación do estado como a dos seus habitantes acostuman aparecer mal escritas en moitas ocasións. Como é sabido, após ser dividida em 1991, a antiga Iugoslavia deu orixe a 7 estados cos seus respectivos xentilicios:

  1. Eslovenia: esloveno - eslovena

  2. Croacia: o/a croata

  3. Bosnia (e Hercegovina): bosníaco - bosníaca

  4. Montenegro: montenegrino - montenegrina

  5. Serbia: serbio - serbia

  6. Kosovo: o/a kosovar

  7. Macedonia do Norte: macedónico - macedónica ou macedonio - macedonia

    Esta antiga república da Iugoslavia que declarou a independencia em 1991, ten este nome desde un acordo coa Grecia -país en que tamén hai unha rexión chamada Macedonia- em 2018.